• A finais deste mes, Lugo convertirase na capital do deporte solidario, coa celebración, os días 28, 29 e 30 de novembro, da cuarta edición do Torneo de Pádel en prol de UNICEF. Este evento, organizado polo clube lucense +QPádel, conta co patrocinio da Área de Deporte da Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo. Na presentación do torneo, a presidenta de UNICEF Galicia, Myriam Garabito, lembrou que o 100% da recadación “é para que poidan gozar nenos doutras latitudes”. Garabito agradeceu a colaboración da Deputación de Lugo, que vai doar os premios e un produto do catálogo de UNICEF que se lle entrega como agasallo a cada participante inscrito. A presidenta de UNICEF Galicia precisou que “os cartos deses produtos van de xeito íntegro para os programas que impulsamos desde o noso colectivo”. Garabito manifestou tamén o seu agradecemento ás empresas lucenses que doaron produtos para ser sorteados ao final do torneo. Ademais, haberá unha fila 0 na que poderán colaborar aquelas persoas que non poidan participar ou asistir ao torneo.
CARACTERÍSTICAS DO IV TORNEO DE PÁDEL
O campionato de pádel xogarase nas instalacións do clube +QPádel no polígono de O Ceao, e contará con torneos de dobres, tanto masculino como feminino; mixto e infantil. Tamén haberá torneo de bádminton aberto individual, e de tenis de mesa aberto individual e infantil. A inscrición en pádel é de 20 euros, e de 28 euros en categoría de dobres e mixta. En tenis de mesa e bádminton o prezo é de 8 euros, e de 5 euros en tenis de mesa infantil. A inscrición inclúe o avituallamento nos partidos, con auga e tentempé, detalle da organización para todos os participantes, sorteo de regalos e o dereito a xogar un mínimo de dous partidos.
O prazo de inscrición remata o 20 de novembro. Para máis información, está habilitado o teléfono 982 209 996, a web www.masqpadel.es, e o e-mail info@mqpadel.com.•