No restaurante O Grelo de Monforte
• Os fogóns do restaurante O Grelo, en Monforte, acolleron o día 21 deste mes a segunda xornada do Showcooking Cocina Autóctona, unha iniciativa da Deputación de Lugo destinada a profesionais da hostelería. O xefe de cociña de O Grelo, Martín Mantilla, amosou aos asistentes diversas técnicas para sacar o máximo partido dos produtos do mar. A proposta de Mantilla consistiu en grelo maki de polbo con caviar de soja, merluza de pincho rechea de algas con langostinos e lamprea frita con risotto, que completou cun postre de canelóns de membrillo con queixo do Cebreiro, todo acompañado cos viños da adega Don Bernardino.
O Showcooking Cocina Autóctona está impulsado pola Deputación de Lugo, e conta con 12 obradoiros práticos ao longo de toda a provincia. A iniciativa, financiada nun 80% por fondos europeos do programa Lug02, trata de amosar aos profesionais o potencial turístico da «cociña de proximidade», un concepto que busca diferenciar aos restauradores que empregan provedores e produtos da súa zona. Nos obradoiros empréganse produtos autóctonos, principalmente aqueles que posúen a marca de calidade LugoSabe e os que se comercializan na plataforma www.losproductosdelugo.com.•