Xosé Lois Maceda aspira a continuar catro anos máis como alcalde de A Pobra do Brollón «para que o Concello siga estando ao servizo de todos os veciños»

Os catro concelleiros que forman o actual Goberno municipal continúan á fronte da lista do BNG-Asembleas Abertas, e agardan que «os veciños e veciñas valoren o traballo feito nestes anos»

Os integrantes da candidatura do BNG-Asembleas Abertas ás eleccións municipais de A Pobra do Brollón, encabezados polo actual alcalde, Xosé Lois Maceda. (Foto cedida).
Os integrantes da candidatura do BNG-Asembleas Abertas ás eleccións municipais de A Pobra do Brollón, encabezados polo actual alcalde, Xosé Lois Maceda. (Foto cedida).

• O nacionalista Xosé Lois Maceda Vilariño aspira a continuar como alcalde de A Pobra do Brollón despois das eleccións do 24 de maio «para que o Concello siga estando ao servizo de todos os veciños e veciñas». O rexedor nacionalista, veterinario e veciño da Ferreirúa, que leva oito anos como alcalde, lembrou como características da súa xestión «sanear as contas municipais e facer de A Pobra do Brollón un Concello Aberto onde se goberna para todos os veciños e veciñas».

TRES CARAS NOVAS NA LISTA, QUE SE ESTREAN NA POLÍTICA ACTIVA

Xosé Lois Maceda encabeza a candidatura do BNG-Asembleas Abertas en A Pobra acompañado polo seu actual equipo de Goberno no Concello, formado por catro edís do Bloque Nacionalista Galego, que figuran nos catro primeiros postos da lista. «Agardo que os veciños e veciñas da Pobra recoñezan o traballo feito nestes anos», afirmou Maceda.

Según explicaron os responsables desta formación política, ademais da «confianza e seriedade que aporta a continuidade de todo o equipo de Goberno», a lista do BNG-Asembleas Abertas incorpora na Pobra a tres persoas que se estrean na actividade política. Trátase da restauradora de mobles Mónica Rodríguez Vázquez, de Piñeiros, que figura de número 5; a gandeira Vanesa Rodríguez, que aparece no número 8 da lista; e Héctor Maceda Armesto, que pecha a candidatura. «Dar entrada a xente nova aporta ilusión e axuda a refrescar as ideas», argumentou Xosé Lois Maceda.

«UN EQUIPO DE GOBERNO QUE XESTIONA CON EFICACIA E DEFENDE OS INTERESES DOS VECIÑOS»

Maceda lembrou tamén que os primeiros integrantes da lista, Manuel González Moreiras, Ricardo Rodicio e Xosefa Rodríguez, forman neste momento «un equipo de Goberno que xestiona con eficacia pero que ademais defende os intereses da veciñanza e ponse sempre do lado dos veciños e veciñas». O alcalde puxo como exemplo desta actitude «a loita veciñal por un servizo médico de calidade na Pobra do Brollón, onde o Concello estivo sempre na vangarda, ao pé dos veciños e veciñas».

A lista do BNG-Asembleas Abertas de A Pobra do Brollón para as municipais de maio complétana o gandeiro Óscar Rivera López, o empregado e músico Xabier González Maceda e o fontaneiro Xosé Vide Páez. Como suplentes figuran Vicente Pérez Castro, Xesús Vila Regueiro e Xoán Xosé Vázquez González.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O PSOE aposta pola renovación na candidatura de Pantón con Pedro Rodríguez Palacio ao fronte

Seguinte Nova

Paula Vázquez Verao será a candidata á alcaldía de Sober por Agroma Sober

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir aInicio

Don't Miss