Candia presentou á nova Corporación provincial

José Antonio García, ex alcalde de Sarria, será o vicepresidente primeiro Juan Carlos Armesto exercerá como portavoz do grupo de Goberno da Deputación

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, durante a presentación do seu equipo de Goberno, na sede de San Marcos. SCDL.
A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, durante a presentación do seu equipo de Goberno, na sede de San Marcos. SCDL.

• A finais do mes pasado, a presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, deu a coñecer a composición da nova Corporación provincial. Candia afirmou que o novo Goberno da institución lucense ten «un pacto cos veciños desta provincia e a eles nos debemos», polo que «temos que materializar canto antes o noso proxecto» e con este obxectivo «damos a coñecer, aos poucos días de constituírse a Corporación, o reparto de áreas de goberno».

A presidenta do organismo provincial explicou que a distribución do equipo realizouse logo de visitar aos traballadores da Deputación e despois de reunirse cos Xefes de Servizo que «nos fixeron chegar as prioridades». Candia precisou que a estrutura do Goberno provincial asume como primeiro compromiso «velar pola boa imaxe da institución e por garantir o normal funcionamento da Deputación de Lugo». «Parecíanos moi importante distribuír xa as áreas, dado que a provincia necesita desta institución e temos un proxecto que materializar», reiterou a mandataria provincial.

IMPORTANTE REPRESENTACIÓN DO SUR DE LUGO NO NOVO GOBERNO PROVINCIAL

O deputado José Antonio García López, que foi alcalde de Sarria por dous mandatos, será o vicepresidente primeiro e o responsable da Área de Emprego e Demografía. Do sur de Lugo tamén procede Juan Carlos Armesto, que fora tenente de alcalde de O Saviñao, ademais de presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra. Armesto exercerá a portavocía do equipo de Goberno provincial, ademais de ocuparse da área de Turismo, Patrimonio e do Centro de Artesanía e Deseño.

Pola súa banda, a deputada Mari Teijeiro será a vicepresidenta segunda e a responsable da Área de Benestar, Igualdade e Xuventude.

José Pardo Lombao será o deputado delegado de Goberno Interior, Asistencia e Cooperación cos Concellos; Francisco Javier Balado Teijeiro exercerá como responsable de Cultura; Jesús Carreira Ferreiro encargarase de Xestión Territorial, e José Manuel Yanes Ginzo levará a área de Deportes.

Por outra banda, José Demetrio Salgueiro Rapa exercerá como vicevoceiro do equipo de Goberno, ademais de encargarse da Área de Economía, Recadación e Facenda. Ademais, asumirá a Delegación de Pesca, unha área de recente creación que, según explicou a presidenta da Deputación, responde «a un sector moi importante da nosa provincia». Candia precisou que sobre a pesca «lideramos diferentes iniciativas mentres estabamos na oposición e que, pese a non ter competencias directas, temos a obriga de atender aos intereses deste sector».

O equipo de Goberno provincial complétase co área de Medio Ambiente, que lle correspondeu ao deputado Manuel Jesús González Capón, menters que José Ulla Rocha encargarase de Medio Rural. Pola súa banda, Ramiro Moure Ansoar levará a área de Formación, Participación Cidadá e Novas Tecnoloxías.•

O organismo provincial incrementará nun 70% os fondos para o Servizo de Axuda no Fogar

A Deputación anunciou un aumento da partida prevista para 2015 dende os 700.000 euros contemplados polo bipartito ata os 1,2 millóns de euros. Según explicou a presidenta do organismo provincial nunha xuntanza cos alcaldes da provincia, esta medida supón duplicar o financiamento para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) respecto ao que destinaba o goberno anterior a comezos do último mandato. Así, dos 600.000 euros orzamentados polo anterior executivo para 2012, o novo goberno provincial achegará 1,2 millóns de euros.

Para Elena Candia, «este acto de xustiza cos veciños e veciñas de toda a provincia beneficiará, por unha banda, aos usuarios e, pola outra, aos Concellos». Deste xeito, as persoas que reciben o servizo poderán ver reducida a súa achega económica ao ser a Deputación quen asuma en maior medida a contía. Ademais, os municipios poderán ter máis fondos propios liberados ao recibir máis recursos para este servizo.

«Con esta decisión conseguimos incrementar o número de usuarios do Servizo, rebaixar a contía que aportan, reducir as listas de espera e mellorar outros servizos sociais fundamentais que se presten nos municipios», explicou Candia. A presidenta provincial afirmou que esta decisión fará que a Deputación estea en condicións de asumir case o 70% da contía solicitada polos Concellos para este servizo, fronte ao 23% que financiaba o organismo a inicios do anterior mandato.

Elena Candia afirmou que «estamos diante dunha das cuestións nas que máis insistimos no anterior mandato dende a oposición e agora dende o goberno é un acto de coherencia e responsabilidade o adoptar esta decisión».

A presidenta da Deputación de Lugo lembrou que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimara na súa integridade o recurso interposto polo anterior goberno provincial contra o Decreto de Servizos Sociais 99/2012 ao considerar na súa sentenza de 21 de xaneiro de 2015 que o devandito documento legal «está axustado a dereito».

CRITICAS

Logo do anuncio de Candia sobre o financiamento do SAF, o portavoz do grupo socialista na Deputación, Darío Campos, criticou que «o PP converte á Deputación nunha delegación máis da Xunta de Galicia». Campos suliñou que «financiar os servizos sociais é competencia da Xunta segundo a Reforma da Administración Local de Rajoy», e lembrou que «a obriga do PP é esixir á Xunta o convenio de colaboración para cofinanciar os servizos sociais que asinou con todas as Deputación agás a de Lugo, sendo un novo capricho e discriminación de Feijóo cara os lucenses»

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia coordina as accións da Xunta e do Goberno central

Seguinte Nova

A Universidade de Santiago presentou en Monforte a súa oferta académica para o vindeiro curso

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

A %d blogueros les gusta esto: