Turismo, benestar e servizos centraron a reunión entre Campos e Balseiro

•O presidente da Deputación e o delegado da Xunta en Lugo acordaron reunirse cos alcaldes para fixar unha estratexia conxunta en turismo

O delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; e o presidente da Deputación, Darío Campos, no encontro mantido o pasado 7 de abril. GPDL
O delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; e o presidente da Deputación, Darío Campos, no encontro mantido o pasado 7 de abril. GPDL

• A reunión mantida o 7 de abril entre o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, concluiu con vontade de cooperación sobre actuacións en turismo, benestar e servizos.
En turismo, Deputación e Xunta acadaron un principio de acordo para colaborar no impulso dos xeodestinos turísticos que están pendentes de definir na provincia. Este acordo materializarase, nun primeiro paso, no encontro previsto para despois de Semana Santa, no que estarán representadas ambas institucións, ademais dos concellos lucenses. Na xuntanza, determinarase o xeito no que se establecerá dita cooperación, en aspectos técnicos e económicos.
Na mesma liña de promoción da provincia, o presidente da Deputación agradeceu que o delegado da Xunta considere “prioritario” o impulso da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. O mandatario provincial lembrou que ten prevista, antes de que remate este mes, unha segunda convocatoria de reunión sobre este tema, na que estarán presentes todas as administracións implicadas, incluída a Xunta de Galicia.
No eido dos servizos, Campos Conde pediulle a Balseiro que “defenda os intereses dos lucenses” ante a Xunta, en relación coa equiparación dos salarios dos bombeiros do Consorcio Provincial de Lugo cos de Ourense.
As residencias tamén ocuparon a atención da xuntanza institucional. Campos Conde pediu á Xunta que materialice a súa vontade de colaboración en convenios coa Deputación para poñer en marcha as residencias do organismo provincial. Balseiro ratificou a colaboración da Xunta, aínda que priorizando os centros impulsados polo Executivo autonómico para poñelos en pleno funcionamento.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Mellora da seguridade en viais do Camiño de Santiago

Seguinte Nova

Música, deporte, gastronomía e concursos na XXXV Feira do Viño de Quiroga o 15 e 16 de abril

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: