Conta atrás para a celebración da XXXVI Feira do Viño de Quiroga

•A Feira ocupará a fin de semana do sábado 31 de marzo e o domingo 1 de abril

Música e bo viño xúntanse na cita anual da Feira do Viño de Quiroga. Arquivo EC
Na fin de semana de Pascua, Quiroga celebrará a XXXVI Feira do Viño, nunha cita que terá como pregoeira á periodista e presentadora de Telecinco Carlota Corredera. Quiroga busca atraer, un ano máis, a centos de visitantes, como cita máis que consolidada no mapa de eventos enolóxicos da provincia.
SETE COLLEITEIROS
Na XXXVI Feira do Viño de Quiroga estarán presentes os colleiteiros Gaspar Álvarez Nogueira, de As Medas; Elías González Mourelo, de Carballo de Hospital; Antonio Vázquez López, de San Xulián de Abaixo; José Luis Rodríguez Lago, tamén de San Xulián; María Oliva Cao Expósito, de Bendollo; Alfonso Núñez Calvo, de Novaes; e Secundino Rodríguez Sobrino, de Toucedo.
CERTAME DE BANDAS DE GAITAS
A inauguración do recinto feiral terá lugar ás 12 horas do sábado, a cargo do director xeral de Agader, Miguel Ángel Pérez Dubois. A continuación, celebrarase o Encontro Infantil do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, cun desfile pola rúa Real, e actuacións das diferentes bandas na Praza de España.
Xa pola tarde, actuará ás cinco a Banda de Gaitas San Martiño. A partir das sete, xa no Auditorio Municipal, actuarán a Coral Polifónica de Quiroga, a Banda de Gaitas San Martiño, e os grupos de danza San Martiño e Arume da Queiruga. A sesión rematará coa entrega de premios do XV Certame de Cartas de Amor.
A continuación, dende o palco da rúa Real, procederase á lectura do pregón, ás oito e media, a cargo de Carlota Corredera. Ás nove, comezará a festa amenizada polo Grupo Atenas, e entregaranse os premios do VIII Concurso de Camisetas.
O domingo iniciarase coas alboradas e a actuación do grupo de gaitas Os do Recanto, para continuar coa recepción das autoridades no Museo Etnográfico, ás doce e media. No mesmo Museo, darase entrega dos premios aos colleiteiros. Pola tarde, a partir das seis, amenizará o recinto feiral a charanga Fuego. •

•A PRESENTADORA DE TELECINCO CARLOTA CORREDERA, PREGOEIRA EN QUIROGA

Carlota Corredera, nunha imaxe promocional da súa labor como presentadora do programa “Sálvame”. (Instagram).
Como vén sendo habitual, a organización da Feira do Viño de Quiroga volve a sorprender cunha pregoeira do prime time televisivo a nivel nacional. A XXXVI Feira do Viño de Quiroga terá como pregoeira a Carlota Corredera, presentadora, directora e colaboradora dos programas “Cámbiame” e “Sálvame”, de Telecinco.
A popular periodista galega lerá o pregón dende o palco da música da rúa Real de Quiroga o sábado 31 de marzo ás 20,30 horas. •

•12 PREMIOS PARA OS PARTICIPANTES NA 7ª “QUIROGA DE TAPAS”, ATA O 30 DE MARZO

Cartel anunciador da sétima edición do concurso de tapas de Quiroga. (Foto cedida).
Un total de 13 establecementos configuran o mapa de sabores da sétima edición do concurso “Quiroga de Tapas”, que se celebra na capital do Courel dende o 22 ata o 30 de marzo. Adega de María, Ciber Café A Pedra, Bar Las Palmeras, Bar Raposo, Bar Quiper, Pub Ruxe-Ruxe, Bar Lago, Bar Félix, Casa Torres, Bar Chapakuña 3, Mesón Ferreiriño, Bar Dimar, e Restaurante O Roxo Vivo ofrecen propostas especiais para desfrutar das tapas nos días previos á XXXVI Feira do Viño de Quiroga.
As persoas que cubran completo o cartón do concurso de tapas poderán optar a unha ducia de premios. Entre eles, hai unha estancia na aldea rural O Busto, para catro persoas, na Pobra do Brollón, ou varias ceas e xantares en restaurantes de Quiroga e Monforte. A ampla oferta de premios inclúe tamén almorzos e merendas especiais en dous establecementos monfortinos, un lote de produtos gastronómicos das terras de Quiroga, e un premio en metálico de 300 euros.•
•O SÁBADO 31 DE MARZO, CONCURSO DE CAMISETAS FEIRA DO VIÑO DE QUIROGA
Ao longo de toda a xornada do sábado 31 de marzo, no recinto da Feira do Viño de Quiroga vaise celebrar o Concurso de Camisetas. Os participantes, cun mínimo de 4 membros por grupo concursante, deberán inscribirse antes do 28 de marzo na Casa da Cultura, por teléfono no 982 435 125, ou polo Facebook da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Quiroga. O propio día da feira, tamén se poderán formalizar inscricións ata as 19 horas na caseta de información que o Concello instalará no recinto.
En canto á temática, terá que estar vinculada dalgún xeito á Feira do Viño de Quiroga, quedando excluídas aquelas camisetas que denigren dalgún xeito a persoas, colectivos ou grupos, públicos ou privados.
A función de xurado recaerá na persoa que lea o pregón, nesta ocasión a presentadora de Telecinco Carlota Corredera.  Para iso, un membro de cada grupo subirá ao palco a mostrar a súa camiseta. Haberá un premio único de 100 euros en metálico máis trofeo.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Feira Medieval conmemorará cun espectáculo a refundación de Monforte como cidade no século XII

Seguinte Nova

Monforte contribuiu con cinco medallas ao triunfo da selección galega no Open de Andalucía de taekwondo

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: