Protocolos conxuntos de hixiene e seguridade, colaboración público-privada e profesionalización, as claves para reactivar o turismo

No foro virtual “Abrindo as Portas”, organizado pola Deputación, axentes do sector destacaron ao turismo interior como punta de lanza da recuperación

Captura de pantalla cos participantes na terceira xornada do foro virtual «Abrindo as Portas: o rexurdir do Turismo», que organiza a Deputación de Lugo coa participación de representantes das administracións, do sector privado e da sociedade civil. GPDL

As claves para a recuperación da actividade no sector turístico están a ser analizadas estes días, dentro do foro virtural “Abrindo as Portas: o rexurdir do Turismo”, que organiza a Deputación de Lugo dentro da campaña “En Lugo: Si”. Estas xornadas, abertas á cidadanía e que se retransmiten en directo por YouTube, comezaron o 10 de xuño, e seguirán ata mediados deste mes, coa participación de representantes do sector público e privado, así como dos diferentes axentes implicados na actividade turística.

TRABALLAR EN COORDINACIÓN BAIXO PRODUTOS TURÍSTICOS DE SIMILARES CARACTERÍSTICAS

A primeira das xornadas deste foro virtual, celebrada o día 10, adicouse á sostibilidade e á confianza como claves para a reactivación do turismo. Ademais da deputada de Promoción Económica e Turismo, Pilar García Porto, participou o xefe de área de Turismo Sostible da Secretaría de Estado de Turismo, Ricardo Blanco Portillo. A aplicación de boas práticas no sector estímase como un factor fundamental para xerar confianza no consumidor, segundo explicou Blanco, quen apuntou diversas accións conxuntas xa en marcha para activar sinerxias que reforcen o tecido turístico español. Nesta liña, salientou o papel dos Clubs de Productos Turísticos de España, como a Ruta do Viño, Ecoturismo de España, Ciudades Patrimonio de la Humanidad ou Turismo de Salud, que axudas a promover produtos autóctonos ao traballar en coordinación e baixo unha mesma etiqueta.

NOVAS TECNOLOXÍAS PARA FIXAR AFOROS EN TEMPO REAL AXEITADOS A CADA ESCENARIO

Blanco Portillo tamén salientou a importancia de ferramentas relacionadas coas novas tecnoloxías, como a Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, á que se vén de sumar a Deputación de Lugo recentemente. Ademais de mellorar a experiencia do usuario, estas ferramentas permiten, en palabras de Blanco, “coñecer o fluxo de visitantes en tempo real”, o que permite “evitar aglomeracións e establecendo límites de capacidade acordes coas características de cada escenario”, como no caso das praias ou puntos de interese turístico do rural.   

A segunda xornada do foro virtual “Abrindo as Portas” tivo como protagonistas aos empresarios do sector turístico. Na xuntanza telemática, celebrada o día 11, participaron o presidente da Asociación Galega de Albergues Privados, Miguel Ángel Rodríguez, o presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes, Juan Antonio Ribadulla, o presidente da Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo e Natureza, Agustín Rico, o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, Cheché Real e a representante da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia, Beatriz Pérez.

PROFESIONALIZACIÓN, GARANTÍAS SANITARIAS E COLABORACIÓNS INSTITUCIONAL NA PROMOCIÓN

Os relatores coincidiron na necesidade de que o sector traballe unido para acadar unha recuperación efectiva, para a que, aseguraron, os profesionais lucenses xa están preparados. A nova normalidade imposta pola Covid-19 esixirá, segundo afirmaron os participantes na xornada, unha maior profesionalidade do sector, garantías sanitarias e cooperación coas institucións para promocionar os destinos. Así mesmo, os relatores amosaron a súa preocupación polo dano que pode facer o intrusismo na recuperación económica do sector.

O TURISMO INTERIOR, O QUE MÁIS RÁPIDO SE VAI RECUPERAR TRALA CRISE SANITARIA

En canto ás perspectivas para esta tempada, o presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes, Juan Antonio Ribadulla, afirmou que “o turismo interior de Galicia  e España en xeral vai ser o primeiro que se recupere”. Dado o escenario cambiante que suporá a nova normalidade, o presidente da Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo e Natureza, Agustín Rico, destacou que “a capacidade de adaptación xoga un papel chave”, tanto para as empresas e profesionais como para o sector público.

ACCIÓN CONXUNTA ENTRE INSTITUCIÓNS

A colaboración conxunta entre administracións como elemento necesario na reactivación turística foi unha das conclusións da terceira xornada deste encontro virtual. O xoves 12 de xuño, o foro virtual contou coa presenza da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela Paz; o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Francisco Cajoto; o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián; a delegada do S.A do Plan Xacobeo e Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira; o Presidente da Federación Veciñal Lucus Augusti, Jesús Vázquez Varela; e o presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, Manuel López.

O CONSORCIO ESTIMA QUE, AO COMEZO DE XULLO, RECUPERE A ACTIVIDADE O 75% DOS ESTABLECEMENTOS DA RIBEIRA SACRA

Unha “maior conectividade” entre administracións e axentes do sector foi a proposta de Lara Méndez, que destacou a necesidade de establecer protocolos e unidades de actuación comúns. Pola súa banda, o presidente do Consorcio Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, enumerou varias das iniciativas que está a desenvolver este organismo dende que se decretou o estado de alarma, como o servizo de asesoría para profesionais do sector, ou a creación dun grupo de traballo co sector privado. Guitián deu as primeiras cifras de recuperación nesta zona: dende comezos de xuño, está en activo o 37% da oferta da reserva turística na Ribeira Sacra, “e prevemos que nas vindeiras semanas en torno a un 75% dos establecementos recuperen a actividade”.

POR UN CAMIÑO MÁIS SEGURO: PROTOCOLO SANITARIO PARA ALBERGUES, AXUDAS PARA IMPLEMENTAR AS MEDIDAS HIXIÉNICAS, E POTENCIAR O ESPAZO DIXITAL

En referencia a outro dos atractivos turísticos da provincia, o Camiño de Santiago, as institucións e os axentes privados estiveron á espera da recuperación da mobilidade, ao tempo que deseñaban estratexias e protocolos conxuntos de acción para cando se abrisen os permisos de paso entre comunidades. Ademais, o presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, Manuel López, enumerou os tres requisitos que, entende, son de obrigado cumprimento para unha peregrinación segura: “Un protocolo sanitario para todos os albergues públicos e privados, un plan de axudas para adaptación e desinfección dos albergues de peregrinos e o potenciamento do espazo dixital de forma completa e ampla”.

As xornadas do foro virtual “Abrindo as Portas: o rexurdir do turismo” continuarán os días 15 e 17, con retransmisión en directo e de balde na canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

En marcha as rutas fluviais da Deputación polo Miño e o Sil

Seguinte Nova

Sarria estrea nova pista de skate no parque do Chanto

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: