A Consellería de Cultura licitou por case 200.000 euros os traballos de restauración do Mosteiro de Xunqueira de Espadanedo
A Xunta vén de activar unha nova intervención no patrimonio monumental da Ribeira Sacra. No mes de setembro, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade licitou os traballos de restauración do mosteiro de Xunqueira de Espadanedo, por un importe de 188.355 euros.
MEDIEVAL CON ELEMENTOS POSTERIORES DA IDADE MODERNA
Este enclave patrimonial remóntase a un cenobio familiar da Alta Idade Media. A construción do conxunto cisterciense, que incorpora mosteiro e claustro máis igrexa de planta basilical sen cruceiro, sitúase entre finais do século XII e comezos do XIII. Xunto a estes elementos medievais, identifícase claramente un segundo grupo de intervencións correspondentes á Idade Moderna.
EXECUCIÓN EN TRES MESES
O proxecto está cofinanciado con fondos FEDER, e vai dirixido a preservar diversos elementos singulares da edificación, na que está situada ademais a oficina de turismo municipal. A Xunta asinou un acordo de colaboración coa Diócese de Ourense e o Concello de Xunqueira de Espadanedo para poder levar a cabo estes traballos, que teñen un prazo de execución de tres meses a partir da súa adxudicación.
ARRANXOS NAS ESCALEIRAS DA ZONA PORTICADA
Segundo explicaron dende Cultura, o proxecto vai dirixido a eliminar problemas de humidade, así como a resolver algunhas solucións construtivas máis recentes. En concreto, vaise actuar no acabado das escaleiras da zona porticada correspondente á oficina de turismo e na fachada norte.
MENOS HUMIDADES RECUPERANDO NO POSIBLE O SISTEMA ORIXINAL DE DRENAXE
Así mesmo, levaranse a cabo accións para eliminar humidades nas fachadas norte e leste da igrexa.
En canto ao exterior do recinto, revisaranse as drenaxes do adro e se deixará ao descuberto zonas enterradas da fachada, para proceder ao seu axardinamento. Ademais, vaise eliminar a vexetación do pavimento e estudar o sistema orixinal de canalizacións, co fin de recuperar o percorrido natural das escorrentías, evitando que afecten ao inmoble.
ACCIÓNS NA IGREXA E NA BIBLIOTECA
Haberá tamén intervencións no claustro acristalado do mosteiro, no que se van substituír os vidros rotos ou deteriorados, e se modificará o sistema de portas de vidro por outra solución que garanta a ventilación da parte superior. Procederase á revisión da cuberta da igrexa, ademais de substituír o revestimento da fachada da biblioteca. No interior, vaise recuperar a viga policromada do coro, con intervencións que garantan o seu mantemento e recuperación.
A Xunta ten en marcha intervencións no patrimonio da Ribeira Sacra, por máis de un millón de euros. •