Os traballos para converter o corredor Nadela-Sarria en autovía avanzan a bo ritmo. Así o constatou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na visita que realizou á zona este mes. Acompañada, entre outras autoridades, polo alcalde de Sarria, Claudio Garrido, a conselleira destacou que a primeira fase da futura autovía acadou xa o 25% de execución, o que confirme, segundo a titular autonómica, a aposta da Xunta pola vertebración territorial do interior de Galicia.
O RITMO DOS TRABALLOS MANTÉN O OBXECTIVO DE ABRIR O TRAMO EN OUTUBRO DO VINDEIRO ANO
Vázquez salientou tamén que o plan de traballos previsto supera neste momento o 103%, con 30 máquinas e máis de 50 traballadores nas obras, o que fai posible manter o obxectivo da Xunta de abrir ao tráfico rodado o novo tramo en outubro de 2022.
34 MILLÓNS ESTE ANO PARA ESTRADAS AUTONÓMICAS LUCENSES
Durante a visita, Ethel Vázquez adiantou que o Executivo autonómico ten previsto licitar en 2021 a redacción do proxecto do resto do treito, que permitirá converter en autovía a totalidade do corredor de Sarria a Lugo. Vázquez destacou o «esforzo» da Xunta por mellorar a rede de estradas na provincia de Lugo, cun orzamento total de 34 millóns de euros no ano en curso.•