• Redacción- MONFORTE.
Mentres os encoros galegos atópanse baixo mínimos, e non precisamente por unha seca inexistente este verán, senón polas decisións máis que cuestionables das empresas produtoras de electricidade, fundamentalmente Naturgy e Iberdrola, nun momento en que os prezos da electricidade superan todos os seus rexistros históricos, os principais partidos galegos enceréllanse no Parlamento nunha loita dialéctica de acusacións mutuas, que nada achegan aos cidadáns. Mentres, por unha banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, celebra que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o Goberno central recoñezan por escrito as súas responsabilidades no baleirado dos encoros, segundo asegurou no Pleno do Parlamento, onde sinalou que tanto a ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, como o presidente da presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, responderon á carta que lles enviou o 25 de agosto xunto á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade. Na misiva recibida, Ribera e Quiroga admiten, según a Conselleira, que as responsabilidades nesta materia corresponden ao Goberno central e en ningún momento afirman que limitar o baleirado dun encoro desa conca sexa competencia dun organismo autonómico. Por outra banda O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, apuntou incluso á “posible prevaricación por omisión” da Xunta, que leva 3 meses sen actuar logo de coñecer do baleirado dos encoros. O socialista lamentou o “cinismo insoportable” do goberno galego ao intentar derivar a responsabilidade ao Estado cando contan con ata 3 leis e un regulamento con outros tantos réximes sancionadores. Arangüena sinalou que “o goberno galego sabía o que acontecía, coñece a obriga legal e non fixo nada aparte de botar balóns fora” e insinuar unha suposta conivencia do goberno central coas eléctricas “xustamente esta semana, na que o Executivo puxo enriba da mesa medidas restritivas para tratar de meter en vereda ás eléctricas”. Ao mesmo tempo, dixo, quen segue sen facer nada é a Xunta, liderada por un Feijóo que si que é amigo recoñecido do presidente de Iberdrola, Galán, como demostrou o “abrazo cando gañou as eleccións de 2009”. O que si fixeron, sinalou, foi reducir este mesmo ano as sancións previstas polo baleirado dos encoros previsto na Lei de Pesca fluvial, pasando de 300.000 euros a apenas 25.000.
A realidade é que todo segue igual. Acusacións mutuas co consabido «e ti máis», pero ningunha solución. Os encoros seguen baleiros á espera da choiva outonal, e as facturas das eléctricas seguen batendo records día tras día. •
Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL
O pasado martes 26 de novembro, o Concello da Pobra do Brollón celebrou un pleno extraordinario
O Partido Popular de Sarria advertiu sobre a «deriva económica» do Concello, cun resultado orzamentario negativo
O Partido Popular de Sarria solicitará un pleno extraordinario para esixir a reapertura do matadoiro municipal,
Os populares solicitan flexibilizar as normas para facilitar o traballo de transportistas e denuncian o bloqueo
O BNG presentou en Monforte a súa nova campaña en defensa dun modelo de financiamento galego,