O Concello de Bóveda vén de abrir o prazo de presentación de orixinais para o concurso do cartel que anunciará a XIX Feira Tradicional de Rubián ‘Outrora’, que terá lugar o día 14 de xullo.
As bases para poder participar son as seguintes:
O tema debe ser a recreación dun mercado tradicional galego de finais do século XIX ata mediados do século XX.
Poden participar todas as persoas que o desexen agás as vinculadas coa organización e os seus familiares en 1º grao, sendo condición indispensable que as obras sexan inéditas. As persoas menores de 16 anos poderán participar cunha autorización das persoas adultas responsables.
O texto que debe figurar no cartel é o seguinte:
XIX FEIRA OUTRORA RUBIÁN. BÓVEDA 14 DE XULLO DE 2023
O tamaño do orixinal será de 42 X 59 cm (A2) en posición vertical. O tipo de letra será de libre elección.
Presentación e entrega
- Opción A: En tamaño orixinal, sen firma do/a autor/a, e baixo un lema ou pseudónimo que figurará escrito na parte posterior do cartel, acompañado dun sobre pechado que no exterior levará escrito o mesmo lema ou pseudónimo do cartel. O sobre conterá os seguintes datos: Nome, apelidos, DNI, enderezo, número de teléfono e enderezo electrónico do/a autor/a.
O lugar de entrega das obras: Rexistro do Concello de Bóveda, Avenida Alfonso XIII, 85. 27340 Bóveda. - Opción B: Por correo electrónico ao enderezo: cultura@concellodeboveda.com.
Os traballos presentaranse en formato: JPG e PDF, a 300 ppp. É convinte cargar as fontes que se utilicen no cartel.
O tamaño real do cartel será de 42 X 59 cm.
No texto do correo indicarase: Nome, apelidos, DNI, enderezo, número de teléfono do autor/a e Lema ou Pseudónimo co que se desexa participar no concurso.
A data límite de recepción finaliza o venres 23 de xuño de 2023.
A técnica será libre.
O xurado
O xurado estará presidido pola Concelleira de Cultura e formado polas persoas que ela designe. O fallo do concurso farase público na derradeira semana do mes de xuño.
O concurso poderase declarar deserto no caso de non alcanzar os carteis presentados a calidade desexada.
O traballo da persoa gañadora será a imaxe da Feira Outrora 2023 e todos os carteis quedarán en propiedade do Concello de Bóveda podendo realizar modificación, sempre e cando non supoñan a alteración esencial do mesmo.•