Aprobado o Regulamento de Honras e Distincións do Concello de Monforte con vistas a homenaxear ao Duque de Alba

Imaxe do encontro no Palacio de Liria de Madrid, do Alcalde de Monforte, José Tomé Roca e o XXIII Conde de Lemos e XIX Duque de Alba, D. Carlos Fitz-James Stuart y Martínez De Irujo, durante a presentación no Palacio de Liria do último libro da escritora e historiadora monfortina Manuela Sáez, “Vida y obra del VII Conde de Lemos, Don Pedro Fernández de Castro”. Foto ARQUIVO.

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, convocou unha sesión extraordinaria e urxente da Corporación municipal do Concello, co obxecto de levar a cabo a aprobación inicial do Regulamento de Honras e Distincións do Concello de Monforte. A sesión plenaria celebrouse o venres 19 de abril ás 8 da tarde.
O Concello de Monforte de Lemos non contaba actualmente cun Regulamento de Honras e Distincións. Por este motivo, e dada a proximidade da visita oficial que o XXIII Conde de Lemos e XIX Duque de Alba, D. Carlos Fitz-James Stuart y Martínez De Irujo, realizará a Monforte de Lemos no entorno do vindeiro mes de xuño, era necesario contar cun regulamento deste tipo. A futura visita do actual Conde de Lemos e Duque de Alba a Monforte, require ter regulado todo o que leva consigo o protocolo de honras e distincións.
Por este motivo, o Alcalde convocou este Pleno extraordinario e urxente da Corporación municipal, a fin de que o Regulamento de Honras e Distincións do Concello sexa aprobado definitivamente antes da citada visita. O novo Regulamento foi aprobado cos 11 votos a favor (PSOE, BNG e Esperta Monforte) e 3 abstención (Partido Popular), aínda que BNG e Esperta Monforte, votaron en contra da declaración da urxencia do pleno, que con todo, foi aprobado cos votos socialistas, mentres que o PP abstívose. Faltaron Margarita López do PSOE e Manuel Luaces do BNG.
Unha vez aprobado inicialmente polo Pleno do pasado venres, a aprobación inicial será publicada no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, abríndose un período de alegacións. Posteriormente volverá a convocarse outra sesión plenaria para a súa aprobación definitiva.
POSTURA DO BNG
Logo da intención do Concello de Monforte de outorgar unha distinción ao señor Carlos Fitz-James Stuart y Martínez De Irujo, XXIII Conde de Lemos e XIX Duque de Alba, concelleiro nacionalista Emilio Sánchez considera que «os títulos nobiliarios son anacrónicos e contrarios a unha sociedade igualitaria, xusta e baseada no mérito do traballo. En ningún caso apoiaremos a honra a unha persoa polo simple feito de pertencer a unha determinada familia. Desde o BNG de Monforte preguntámonos cal é o mérito desta persoa para outorgarlle esta distinción máis aló do seu apelido. A sociedade moderna debería valorar ás persoas polos seus logros, méritos e contribucións, non pola súa herdanza ou status de nacemento. Os títulos nobiliarios adoitan ser hereditarios, o que significa que se transmiten de xeración en xeración dentro de certas familias. Isto perpetúa desigualdades e privilexios baseados na fortuna de nacemento, en lugar dos méritos persoais. Representan un simbolismo anticuado, e un sistema de xerarquía que non se aliña cos valores modernos de igualdade e democracia e fomentan as desigualdades, pois contribúen á percepción dunha sociedade estratificada, onde certas persoas son vistas como inherentemente superiores ás demais, debido á súa liñaxe.».
Dende o BNG consideran que «se queremos honrar a alguén, que sexa unha persoa que realmente o mereza polos seus logros, méritos e contribucións persoais á sociedade. Sería moito máis xusto e acaído facelo en persoas como, por exemplo, Moncho Díaz, monfortino recentemente falecido, membro destacado do histórico grupo galego Fuxan os Ventos, pola súa contribución ao patrimonio cultural galego e a súa dedicación á promoción e preservación da música tradicional, Lois Pereiro, monfortino e Premio das Letras Galegas 2011, ou a Margarita Rodríguez Otero, concelleira, deputada e investigadora monfortina que representa á perfección os valores aos que facemos referencia».

ESPERTA MONFORTE
Desde Esperta Monforte, tamén expresan o seu desacordo tanto coa intención do PSOE de entregar ao alcalde e a todos os concelleiros medallas de prata bañadas en ouro. ou facer algún tipo de distinción ao duque de Alba. Reitera en non estar dacordo coa autoimposición de medallas na corporación municipal e «consideramos que o Duque e Conde xa ten títulos dabondo e non precisa que lle dean máis. Isto semella idea dun partido aristocrático, impropio dun partido que se chama socialista. Disparar con pólvora de ÉI Rey, expresión histórica fai referencia a gastar alegremente e sen reparo recursos alleos, é tirar o diñeiro público, accións como esta contribúen a un maior desprestixio da clase política» diante da cidadania.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Monforte preparado para o Campionato de España de Taekwondo

Seguinte Nova

Alumnas do IES Río Cabe obtiveron a terceira posición no Young Business Talents

Últimas noticias sobre PORTADA

A %d blogueros les gusta esto: