A polémica entre institucións sobre as residencias públicas da Deputación segue aberta. Encadeada coa crítica “ó método da imposición, a tixeira e o engano” que os responsables provinciais achacan ó Goberno central e autonómico, está a explicación que dende o ente provincial ofrecen sobre o retraso na posta en marcha das residencias con centros de día de Trabada, Castroverde, Pol, Pedrafita e Ribas do Sil.
PRIMER DESENCONTRO ENTRE INSTITUCIÓNS
Manuel Martínez, voceiro socialista na Deputación, afirmou que o Goberno provincial “segue a traballar en solitario” na rede de residencias públicas da provincia de Lugo, “logo que o Goberno autonómico non considerase prioritarias nin necesarias, en palabras da Conselleira Beatriz Mato na reunión do pasado mes de decembro, estas instalacións”. O voceiro socialista lamenta que esta actitude se produza con respecto “á provincia galega máis envellecida e con menos prazas públicas residenciais”. Desta consideración, e según explicou Martínez, derivouse que a Xunta se negase a concertar prazas nas residencias públicas da Deputación “pero que si concede a centros privados”. Neste sentido, os responsables provinciais lembraron que no Manual de Traballo, Información e Asesoramento en Servizos Sociais (MATIASS) da Xunta consta que o Goberno galego ofrece na provincia 787 prazas concertadas, das que 648 concéntranse en 8 residencias privadas, e 103 en 6 centros de iniciativa social. Para acadar “o mesmo trato que as entidades privadas, e que a Xunta concertase prazas nas residencias públicas da Deputación”, o ente provincial solicitou un encontro co presidente da Xunta, Núñez Feijóo, “polo que xa levamos esperando dous anos e medio”. Trala reunión de decembro coa titular autonómica de Benestar, o presidente provincial, Gómez Besteiro, manifestou o seu descontento pola actitude da Xunta cara este proxecto. Recentemente, Manuel Martínez informou de que a Deputación xa enviou os proxectos das residencias con centros de día de Trabada, Castroverde, Pol, Pedrafita e Ribas do Sil á Xunta, “quen, según a Lei de Servizos Sociais, debe dar o permiso necesario para poder iniciar as obras”.
NOVAS DIFERENCIAS
“Nin as fan nin as deixan facer” foi a resposta do titular provincial, Gómez Besteiro, diante da decisión da Xunta de non admitir a solicitude presentada pola Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) para a construcción das devanditas residencias. Besteiro insistiu en “garantir, por parte da Deputación, a continuidade do proxecto das residencias, non por cabezonería senón porque é viable e necesario”, argumentou. Neste sentido, o titular provincial sinalou que a taxa de envellecemento de Lugo fará que en pouco tempo máis da metade da poboación de moitos Concellos superará os 65 anos de idade”. Besteiro interpretou a negativa da Xunta a admitir a solicitude da Deputación “na busca dalgunha desculpa de carácter burocrático”, o que, según o presidente provincial, confirma que “Lugo non está na axenda da Xunta”.
“NON SE LLE ESTÁ A PEDIR NIN UN EURO Á XUNTA, SÓ QUE CONCERTE PRAZAS”
Besteiro insistiu en que a “Deputación recorrerá á fórmula legal que faga falta para solucionar o contratempo provocado polo Executivo autonómico”. Lembrou ademais que nesta iniciativa das residencias públicas provinciais están integrados “Concellos de todas as cores políticas”, e suliñou que “ademais de prestar un servizo, a rede de residencias creará emprego, fixará poboación e xerará un importante retorno económico para os Concellos”. O presidente provincial lembrou que “non se lle está a pedir nin un euro á Xunta, senón só que concertase prazas, igual que fai coas residencias privadas, e como se comprometeu o Executivo de Feijóo en dúas ocasións”. Besteiro rematou recalcando que “detrás das decisións da Xunta non hai razóns económicas, senón ideolóxicas e electorais”, dicindo que “se fósemos unha empresa privada, non teriamos problema para sacar adiante as residencias”.
RÉPLICA DO GOBERNO AUTONÓMICO
Pola súa parte, Raquel Arias, delegada territorial da Xunta en Lugo, respostou ás declaracións de Gómez Besteiro insistindo en que “a autorización debe solicitarse nos termos que recollen as leis”, polo que a solicitude presentada a nome do Suplusa “debe corrixirse” e remitirse de novo a nome da propia Deputación Provincial, “porque a Deputación ten entre as súas competencias a prestación de servizos sociais en coordinación coa Administración autonómica, e polo tanto si está inscrita no Rexistro Único de entidades prestadoras de servizos sociais”. Según explicou Arias, non é posible admitir a solicitude a nome de Suplusa porque os seus fins non son a prestación de servizos sociais, aínda que este organismo solicitara a inscripción como tal no Rexisto para ditas entidades, que non lle foi concedida. Arias ofreceu “leal colaboración, sen gastar enerxías en estériles batallas entre administracións, sobre todo cando é tan necesario colaborar”.