A Deputación de Lugo acada a débeda cero e mantense á cabeza en investimento por habitante

O presidente do organismo provincial explicou que «dos 120 millóns cos que nos atopamos no 2007 pasamos a cero neste 2015»

Gómez Besteiro lembrou que «ao mesmo tempo fixemos investimentos en solitario cun forte retorno económico para a provincia, como o centro de recría, as residencias ou macro plans de emprego»

Imaxe de arquivo do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e a vicepresidenta primeira, Lara Méndez, en rolda de prensa. Arquivo EC.
Imaxe de arquivo do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e a vicepresidenta primeira, Lara Méndez, en rolda de prensa. Arquivo EC.

• O pasado 31 de marzo, o Pleno da Deputación provincial aprobou unha modificación orzamentaria coa que o Goberno provincial deixa a cero a débeda financeira do organismo xa neste mesmo 2015. Esta modificación do Orzamento, aprobada coa abstención do Partido Popular, consistiu en anular a operación de crédito de 3 millóns de euros que fora aprobada no presuposto de 2015 e substituíla por superávit obtido no 2014, e amortizar anticipadamente 11,1 millóns de euros de débeda, o que supón o importe de toda a que quedaba pendente. O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, suliñou que o organismo provincial acada esta situación «mentres se mantén, con diferencia, á cabeza das institucións provinciais de Galicia en investimento por habitante». «Dos 120 millóns de euros de endebedamento cos que nos atopamos no 2007 pasamos a cero, facendo ao mesmo tempo en solitario, investimentos millonarios cun forte retorno económico para a provincia», precisou Gómez Besteiro, en alusión a proxectos como o centro de recría, as residencias, os importantes plans de emprego, a posta en valor do Pazo de Tor, o hospital de San José, o hotel Miño ou todas as obras do Canon.

GÓMEZ BESTEIRO: «DEMOSTRAMOS QUE SI É POSIBLE OUTRA FORMA DISTINTA DE GOBERNAR»

O mandatario provincial precisou que «con esta decisión política histórica e responsable, a próxima Corporación non terá ningún tipo de atadura nin lastre, mal que lles pese a aqueles agoreiros que dicían que non levabamos ben as contas públicas». Gómez Besteiro apuntou tamén que «ninguén poderá dicir que este Goberno de socialistas e nacionalistas actuou de xeito irresponsable, e ademais demostramos que si é posible outra forma distinta de gobernar». En canto a este modelo de xestión, Besteiro explicou que «non renunciamos a investimentos, o que fixemos foi priorizar o emprego e o servizos sociais por riba, por exemplo, das estradas, e isto é o que se chama facer política e priorizar».

AO DESAPARECER A CARGA FINANCIEIRA, ESES CARTOS PODERÁN DESTINARSE A NOVOS INVESTIMENTOS

O presidente da Deputación apuntou as principais vantaxes de eliminar o endebedamento. Así, según Gómez Besteiro, en primeiro lugar desaparece a carga financeira, «polo que se deixarán de pagar intereses polos préstamos bancarios e deixaranse de destinar recursos a amortizar débeda, co que estes cartos poderanse dedicar a novos investimentos na provincia». O titular provincial explicou que son cantidades «importantes, xa que neste último exercizo pagamos 10 millóns de euros entre intereses e amortización, que, por exemplo, servirán para manter o vindeiro ano o programa social desta Deputación». Gómez Besteiro destacou que «non haberá excusas de mal pagador para tumbalo».

CON DÉBEDA CERO, MÁIS AUTONOMÍA PARA EXECUTAR O ORZAMENTO

Outra das vantaxes que xera a eliminación da débeda financieira para a Deputación lucense é que permitirá máis autonomía para executar o Orzamento. Según explicou o presidente do organismo provincial, con esta situación de débeda cero «xa non existe a obriga de destinar os aforros ao pago da débeda, porque xa non a temos, co que estes fondos quedarán liberados para destinar a investimentos». Nesta liña, Gómez Besteiro sinalou que queda «totalmente garantida a sostibilidade económica e a credibilidade» da Deputación, pois non depende de préstamos para afrontar calquer tipo de gastos, nin os correntes, nin os investimentos.

CRÍTICA Á XESTIÓN DA XUNTA

José Ramón Gómez Besteiro aproveitou a súa intervención en rolda de prensa para criticar a xestión doutras administracións, como a Xunta de Galicia, «que reduciu á metade os investimentos dende o 2009 e, ó mesmo tempo, triplicou a débeda, que teremos que pagar todos». O presidente da Deputación de Lugo avanzou que ao final do mandato entregará a cada deputado un certificado individualizado no que quede constatada oficialmente a débeda cero do organismo provincial.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Máis de 55.000 euros provinciais para mellorar infraestruturas en Portomarín

Seguinte Nova

A VII Carreira Popular Concello de Monforte será o domingo 26 de abril

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir aInicio

Don't Miss