«Un Lugo máis social e máis próspero», balance dos 100 primeiros días de Goberno da Xunta

•Balseiro destacou a licitación de obra pública, as medidas para o rural, e as melloras nos centros hospitalarios iniciadas neste período

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, na rolda de prensa de finais de febreiro, na que fixo balance dos primeiros 100 días de Goberno da Xunta. GPDTL
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, na rolda de prensa de finais de febreiro, na que fixo balance dos primeiros 100 días de Goberno da Xunta. GPDTL
• «Un Lugo máis social e máis próspero» é a fotografía que define, segundo José Manuel Balseiro, a situación da provincia lucense ao cumplirse os primeiros 100 días do Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo.
LUGO, A PROVINCIA CON MÁIS INVESTIMENTO POR HABITANTE NOS ORZAMENTOS DA XUNTA PARA 2017
O delegado territorial da Xunta en Lugo subliñou que este resultado débese ao «goberno estable que puido aprobar unhas contas autonómicas que consolidan a Lugo como a provincia con máis investimento por habitante de Galicia». Balseiro apuntou que este investimento supón un 33% máis que o destinado ás provincias atlánticas.
PULO ÁS GRANDES INFRAESTRUTURAS
O delegado da Xunta en Lugo destacou o impulso á licitación de obra pública, as medidas para o rural e as melloras nos centros hospitalarios como as liñas máis importantes que o Goberno autonómico está a desenvolver na nosa provincia.
En canto ás grandes infraestruturas, Balseiro lembrou a recente licitación do proxecto de conversión en autovía do corredor entre Sarria e A Pobra de San Xiao, ao que se destinan 243.255 euros. Ademais, o delegado territorial fixo referencia aos estudos previos á construción da estación intermodal de Lugo, ou á posta en marcha do primeiro treito lucense do corredor da Costa entre Cervo e Viveiro.
INICIATIVAS DE IMPULSO AO MEDIO RURAL E Á XERACIÓN DE EMPREGO
O impulso ao medio rural lucense é outro dos aspectos nos que a Xunta está a traballar. Segundo precisou Balseiro, fixar poboación no rural é o obxectivo de incentivos como o «imposto cero» para favorecer a mobilidade de terras ou para mercar casa. O delegado da Xunta precisou que estas medidas benefician aos residentes de 1.151 parroquias lucenses.
Este pulo ao rural tamén se concretou en medidas de xeración de emprego. «Conseguimos incorporar 268 mozas e mozos lucenses ao rural inxectando 9,8 millóns de euros en axudas”, salientou o delegado da Xunta. Balseiro explicou que, ao tempo que o Goberno autonómico aprobou a estratexia de apoio aos autónomos, segue a traballar no impulso do sector industrial, en referencia ás licitacións vinculadas ao polo aeronáutico de Rozas,  «quizais o máis ambicioso dos proxectos que se emprenden hoxe en Galicia.»
REFORZO DOS SERVIZOS SOCIAIS
No balance dos 100 primeiros días do Goberno da Xunta, José Manuel Balseiro referiuse ao reforzamento dos servizos sociais, con medidas como o Plan de Vivendas Baleiras, que trata de facilitar o acceso á vivenda a todas as familias que precisen o apoio da administración. Recentemente, seis municipios lucenses, entre eles os de Monforte e A Pobra do Brollón, sumáronse a este Plan.
Outra das iniciativas da Xunta no eido social está orientada a favorecer a conciliación familiar, a través da posta en marcha de sete novas Casas Niño no rural lucense, que suman 40 prazas gratuítas.
Así mesmo, a Xunta reforzou o servizo de axuda no fogar que se financia aos concellos, cun incremento do 17% nas horas de prestación.
O delegado territorial lembrou tamén o anuncio da construción da nova residencia de Lugo, á que a Xunta destinará 6,1 millóns de euros, e o apoio autonómico para poñer en marcha as de Foz, Baleira e Cervo.
Nos servizos hospitalarios, José Manuel Balseiro enumerou as últimas actuacións postas en marcha polo Executivo de Núñez Feijóo. O delegado da Xunta en Lugo lembrou a recente inauguración do segundo equipo de radioterapia no Hospital Universitario Lucus Augusti, a obra de ampliación do Hospital da Costa, e a posta en marcha do servizo de hospitalización a domicilio, entre outras prestacións, no Hospital de Monforte.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Quiroga ultima o programa das Feiras que ensalzan os seus produtos

Seguinte Nova

A depuradora do Porto Seco de Monforte estará rematada en xuño

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: