A cuarta edición desta campaña sortea 16.200 euros en 80 tarxetas regalo
Ata o 20 de outubro, os consumidores que merquen no comercio de proximidade da provincia de Lugo poderán optar aos premios que reparte a campaña Días Azuis. Esta iniciativa, promovida pola Consellería de Economía e a Federación Galega de Comercio en colaboración con Abanca, sorteará 16.200 euros repartidos en 80 tarxetas prepago regalo por valor de 300 e 150 euros. Para entrar no sorteo, hai que rexistrar cada compra na páxina web da campaña, https://www.diasazuis.com/, trámite que pode facer o propio cliente, ou ben o comerciante no seu establecemento.
Os organizadores da campaña lembraron o éxito da pasada edición, na que se rexistraron 29.000 tickets de compra en toda a provincia. A iniciativa Días Azuis, que acada a súa cuarta edición, ten como obxectivo impulsar as vendas e poñer en valor o papel do comercio de proximidade a nivel económico e de dinamización social.