O Incio segue adiante co proxecto de aldea-modelo de Trascastro e inicia coa Xunta o inventario dos soutos

Xuntanza de traballo entre o conselleiro do Medio Rural, José González, e o alcalde de O Incio, Héctor Corujo, en Santiago de Compostela o 13 de marzo. GPXG

O Concello de O Incio foi pioneiro na provincia de Lugo na posta en marcha das denominadas aldeas-modelo, unha iniciativa impulsada pola Consellería do Medio Rural para o aproveitamento e posta en valor do territorio e do sector primario. Neste municipio, está a funcionar a aldea-modelo de Trascastro, unha das primeiras que contaron co visto bo da Xunta en Galicia. En Trascastro, estase a impulsar a produción de vacún de carne autóctono ecolóxico, nunha superficie de 14 hectáreas, que engloba178 parcelas de 104 propietarios.

PLAN PARA RECUPERAR CASE 1.000 HECTÁREAS DE SOUTOS EN GALICIA
Para comentar o estado actual deste proxecto e as directrices a seguir en adiante, o alcalde de O Incio, Héctor Corujo, reuniuse en Santiago co conselleiro do Medio Rural, José González. Así mesmo, na xuntanza tratáronse outros aspectos de interese relativos á posta en valor dos recursos produtivos do territorio, con especial atención aos soutos tradicionais. Esta é a finalidade da segunda fase da aposta pola reactivación agroforestal do Incio, dentro dunha estratexia autonómica para recuperar arredor de 1.000 hectáreas deste tipo de superficies en toda a comunidade. Neste momento, estase a proceder á identificación e inventario de soutos, en zonas como O Incio, a ribeira do Sil, o municipio de Folgoso do Courel en varias zonas, e a contorna do río Loio en Paradela. González salientou que a aposta por recuperar os soutos acelerarase cando entre en vigor este ano a Lei de recuperación de terras agrarias de Galicia.•

O Concello de Paradela analizou coa Xunta as posibilidades para reactivar soutos e viñedos

•Tamén se falou dun posible polígono agroforestal en Aldosende, con funcións de rexistro, ordenación e recuperación de fincas

Reunión en Santiago do alcalde de Paradela, José Manuel Mato, co conselleiro do Medio Rural, José González; a directora xeral de Agader, Inés Santé; e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, o pasado 9 de marzo. GPXG

A Xunta e o Concello de Paradela están a traballar de xeito conxunto para poñer en valor a riqueza forestal e agrogandeira do municipio. Este mes, tivo lugar unha xuntanza en Santiago entre o conselleiro do Medio Rural, José González, e o alcalde de Paradela, José Manuel Mato, para abordar, entre outros asuntos, a recuperación dos soutos tradicionais.

POSTA EN VALOR DO ESPAZO NATURAL LOIO-RUXIDOIRA
González solicitou ao rexedor información sobre as zonas nas que se localizan os soutos de castiñeiros, para proceder a delimitar os perímetros e poñelos en valor, sobre todo no tocante ás 437 hectáreas do Espazo Natural de Interese Local Loio-Ruxidoira.

VIÑEDOS DA RIBEIRA SACRA
Así mesmo, o conselleiro interesouse polas posibilidades deste municipio para a explotación de viñedos amparados pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra, dentro da subzona Ribeiras do Miño.
Outro dos aspectos tratados na reunión en Santiago foi a posibilidade de abrir un polígono agroforestal no núcleo de Aldosende, para actualizar o catastro e a reorganización da propiedade das fincas co fin de destinalas á produción gandeira. A figura do polígono agroforestal, segundo explicou González, está prevista na futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que se está a tramitar no Parlamento. O documento lexislativo que se aprobará este ano tamén desenvolverá outras figuras de interese, como as aldeas modelo ou as agrupacións de xestión conxunta.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Bóveda arranca o proceso para seleccionar emprendedores que queiran residir no municipio

Seguinte Nova

Máis de 400.000 euros para o proxecto de rehabilitación do Colexio do Cardeal de Monforte

Últimas noticias sobre EMPREGO

A %d blogueros les gusta esto: