• O PSdeG considera demostrado que Elena Candia entregou a Pilar de Lara os anónimos falsos que orixinaron a persecución contra Besteiro
A última remodelación do goberno central de Pedro Sánchez levou a José Manuel Miñones, ata entón Delegado do Goberno en Galicia, ao Ministerio de Sanidade, e para ocupar o seu despacho na Praza de Ourense da Coruña, Sánchez recuperou para a vida política activa, ao que era un dos seus maiores valores en Galicia, Jose Manuel Gómez Besteiro, ata que en 2016 a súa imputación pola Xuíza de Lara, polo chamado caso Garañón, interrompeu bruscamente o que ata entón parecía unha carreira fulgurante que podía levarlle a ter serias opcións de presidir a Xunta de Galicia.
Pero esa imputación levada a cabo pola xuíza Pilar de Lara, que tamén afectou ao entón alcalde de Lugo, José López Orozco, atribuía a ambos políticos diversos delitos de prevaricación, tráfico de influencias e falsidade documental, e a maiores a Besteiro acusábao de suborno, branqueo de capitais e negociación prohibida. Esta imputación tivo a súa orixe nunha denuncia anónima de 2009 en relación cunha posible prevaricación cometida polo Alcalde de Lugo e o seu concelleiro de Urbanismo, Besteiro, en relación co plan denominado O Garañón, ao, supostamente, favorecer a dous promotores. En concreto, a xuíza de Lara vía indicios de que Besteiro comprara un piso por baixo do seu prezo, e tampouco pagaría obras de reforma, ao socio da construtora que teoricamente se beneficiou do suposto trato de favor do Concello. A denuncia produciuse en 2009, a investigación abriuse en 2011, e en 2016 foi cando José Ramón Besteiro, entón, líder dos socialistas galegos viuse obrigado a dimitir, ao resultar imputado. E non foi ata máis de dez anos despois, cando a propia Audiencia Provincial de Lugo decidiu arquivar a investigación aberta por Pilar de Lara, ao cualificar os supostos indicios en sospeitas vas e infundadas. A magnitude do desaguisado xudicial levou mesmo á sanción a Pilar de Lara que perdeu o seu destino en Lugo. Pero como compensar o dano causado a Orozco e Besteiro?
Se politicamente é practicamente imposible redimir a inxustiza realizada, aínda resulta máis duro e cruel pensar no dano persoal causado para ambos políticos e as súas familias. As portadas e titulares que se dedicaron no seu momento para recoller as noticias da súa imputación e dimisión, apenas tiveron repercusión en 2021 cando todo o caso arquivouse. Finalmente non houbo imputación, non houbo condena, non houbo nada susceptible de ser cualificado como delito. Pero a sospeita pública non é fácil de borrar. Oxalá aprendan os políticos que non todo vale para chegar ao poder, que lembren a importancia da presunción de inocencia, e fágano independentemente de que os afectados sexan do seu propio partido ou do rival. En certo xeito, case é digno de cualificar como de xustiza que a figura de Besteiro sexa recuperada para a primeira liña política, aínda que temo que será difícil compensar o dano infrinxido. Pero moi numerosos foron os que se viron en casos similares sen que tivesen esta posibilidade para ser redimidos. Toca reflexionar respecto diso. Aínda que non parece que sexa fácil, pois é tempo electoral. Desde o PSdeG, chéganos a información de que están en condicións de demostrar que os anónimos que orixinaron este proceso xudicial, foron presentados por Elena Candia. Os socialistas fixeron públicos os documentos oficiais firmados por Elena Candia e co logotipo do Partido Popular que a candidata á Alcaldía de Lugo levou ó Xulgado, feito que califican como unha “artimaña mezquina coa única vontade de sacar rédito electoral e destruír” ó por aquel entón Secretario Xeral do PSdeG e candidato á Xunta de Galicia.
O PSdeG dá conta destes documentos porque, “aínda por riba de non dar explicacións, nin pedir desculpas públicas a todos os galegos, pero sobre todo ós lucenses, pola tropelía que provocou a maior persecución político xudicial na historia da democracia galega, primeiro minte Elena Candia e agora o propio Presidente da Xunta negando a evidencia: que foi a presidenta provincial do PP a que, a título persoal, entregou os escritos que deron orixe á operación xudicial”.
“Como se pode mentir con tanto descaro?, inciden os socialistas, pois o propio expediente xudicial “recolle un escrito do Grupo Provincial do Partido Popular ao Fiscal Xefe de data 5 de marzo de 2013 no que comparece e fai entrega de dous documentos”, e, poucos días despois, o 14, dona Elena Candia fai unha declaración testifical ante o Fiscal que literalmente di: La declarante es Diputada Provincial y Portavoz del Partido Popular en la Diputación de Lugo. El escrito que presentó en Fiscalía se les hizo llegar a sus oficinas de la Diputación de forma anónima, lo encontraron dentro de un sobre en blanco sin ninguna anotación, sin que pueda precisar su procedencia. Cree que el sobre ha sido destruido o utilizado para reciclar”. “Á vista dos feitos, a señora Candia está hoxe inhabilitada politicamente. Esperamos que teña a dignidade de rectificar e pedir perdón e, senón, debe irse da política porque non vale todo”, asegura o PSdeG.
Dende o PP sinalan que «o PSOE intenta confundir e desacreditar á candidata do PP á alcaldía de Lugo pero o que non poderán borrar os socialistas é o feito de que o novo delegado do Goberno pasará á historia de Lugo por ser o concelleiro de urbanismo do Garañón. Polas graves consecuencias desta mala xestión pagaremos todos os lucenses unha indemnización millonaria, ademais dos custes do seu derrube». Hoxe, en noticia de ultimísima hora, ao peche deste periódico, o Xulgado Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo rexeitou o recurso interposto contra o Concello de Lugo, polo que este non terá que pagar a indemnización solicitada por un dos promotores, que reclamaba máis de 15 millóns de euros, sendo o fallo firme e non susceptible de ser recorrido ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Con esta resolución xudicial vén a poñer fin ao chamado caso Garañón e estas declaracións do PP perden sentido. Dende o PP reiteran que nin Elena Candia nin o Partido Popular denunciou nin se personou en ningunha das causas que deron lugar á imputación do señor Besteiro. Quen inicia unha investigación a Besterio foron un fiscal e un xuíz, nunca Elena Candia, quen no ano 2013 cumpriu coa obriga implícita a calquera cargo público, tal e como se recolle no artigo 262 da Lei de Enxuizamento Criminal, de poñer en coñecemento das autoridades que chegou de forma anónima ao Grupo Provincial do PP unha documentación que podería ser constitutiva de delito.•