José Tomé Roca e Efrén Castro valoran positivamente os Orzamentos 2024 da Deputación

O PP afirma que o orzamento máis alto da Deputación non mellora o día a día dos lucenses

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, xunto ao Vicepresidente, Efrén Castro, e a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García. Foto GPDL.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Vicepresidente, Efrén Castro, e a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, presentaron os Orzamentos da institución provincial para o ano 2024, que ascenden a máis de 116 millóns de euros. Nunha rolda de prensa celebrada no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, José Tomé resaltou a natureza destes Orzamentos como «realistas e útiles» debido á súa pronta presentación para debate e aprobación no Pleno o vindeiro martes 28 de novembro. Este feito permitirá que entren en vigor a comezos do ano seguinte, mantendo a consistencia temporal na aprobación dos Orzamentos provinciais.
O Presidente subliñou tamén a natureza investidora destes Orzamentos, cun aumento significativo no capítulo de investimentos reais e Transferencias Correntes. O primeiro experimenta un incremento do 45%, pasando de 11,4 millóns de euros en 2023 a máis de 16,5 millóns en 2024.
Según destacou Tomé, estes Orzamentos tamén reflicten un compromiso coa rede pública de protección social, sendo a Deputación de Lugo a que conta cunha das máis amplas de España. Destacou o esforzo para abrir e manter residencias para maiores, financiar o Servizo de Axuda no Fogar dos concellos e ofrecer servizo de teleasistencia domiciliaria. José Tomé afirmou que a Deputación destinará case 11 millóns de euros en 2024 para manter e abrir novas residencias.
O Presidente anunciou tamén medidas específicas fronte ao reto demográfico, como a creación dun Centro de Acollida de Protección Internacional en Castro de Rei e o lanzamento do programa «E Para Vivir… a Provincia de Lugo». Este último busca ofrecer apoio integral ás persoas que se trasladen ao rural, atraer novos habitantes e fomentar a diversificación de cultivos. José Tomé tamén quixo destacar a cooperación cos concellos, destinando aproximadamente o 20% dos Orzamentos provinciais a este fin. Tamén subliñou o apoio á Universidade pública, aínda que advertiu que dependerá do mantemento das titulacións do Campus Terra. Os Orzamentos 2024 tamén buscan mellorar a mobilidade, con aumento nas partidas para estradas provinciais e municipais. O apoio aos sectores produtivos gaña peso, con 11,3 millóns de euros destinados a actividades estratéxicas, como a agrogandeira, forestal, mar, economía verde, comercio, hostalería e turismo.
VALORACIÓN DE EFRÉN CASTRO
O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Deportes, Artesanía e Memoria Histórica Efrén Castro, pola súa parte, expuxo a importancia de “concretar unha proposta de orzamentos, que canalice a acción política e poña os recursos da Deputación de Lugo ao servizo dos concellos e do tecido economico, social, cultural e deportivo dende o inicio da anualidade” e valorou “o traballo desenvolvido nestes días polo persoal dos servizos implicados na elaboración das contas”. O vicepresidente destacou “o Plan Único como principal instrumento de cooperación cos concellos” e remarcou “a aposta por dar continuidade e reforzar esta fórmula de distribución de recursos, con criterios públicos e obxectivos como a poboación, a superficie, a dispersión ou o índice de envellecemento, incrementando o investimento previsto ata os 21 millóns 750 mil euros, 250 mil euros máis que na pasada anualidade. Efrén Castro valorou tamén o investimento destinado “ao funcionamento e á ampliación da rede de Centros de Atención a Maiores, cunha partida arredor dos 11 millóns de euros, coa que a Deputación de Lugo está a soster unha rede pública para o coidado das persoas maiores fronte á incomparecencia da Xunta que, malia ter as competencias, se desentende desta necesidade social”.•

O PP afirma que o orzamento máis alto da Deputación non mellora o día a día dos lucenses

Antonio Ameijide, voceiro do Partido Popular, levantou a voz polo que considera unha contradición nos orzamentos da Deputación para o próximo ano. A pesar do aumento global de case 6 millóns de euros, Ameijide destaca que as achegas ás entidades locais experimentan un descenso do 10%, pasando de 15.887.039,58€ en 2023 a 14.340.164,76€ para o vindeiro ano. O Partido Popular critica que, a pesar de tratarse do orzamento máis alto na historia da Deputación, o seu impacto na mellora do día a día dos lucenses é menor do esperado. Sinalan que a suma das transferencias correntes e de capital diminúe nun 4%, o que equivale a 1.290.365,61€ menos para colaborar cos concellos. O Grupo Provincial Popular acusa o presidente da Deputación, José Tomé, de proporcionar información enganosa durante a súa comparecencia no Parlamento. Sosteñen que Tomé conxelou a achega ao Plan Único en lugar de aumentala como anunciou previamente. Os deputados populares propuxeron un incremento de 6.5 millóns de euros, proposta que non foi atendida.
No ámbito da política social, os populares critican a falta de compromiso, sinalando que non se abrirán novas residencias, incluída a xa finalizada de Becerreá.
Antonio Ameijide subliña tamén a falta de preocupación por parte de Tomé no mantemento da rede viaria provincial, cuxos fondos para a mellora das estradas provinciais redúcense en 400.000€, a pesar do mal estado das vías, o cal supón un risco para a seguridade viaria. O PP alerta dunha redución «drástica» nas axudas relacionadas coa actividade agrogandeira, forestal e do mar, cun descenso do 21%, equivalente a 401.461,33€ menos. Tamén critican a conxelación dos fondos para a promoción turística da provincia, acusando a PSOE e BNG de priorizar «carreiras políticas». Os fondos destinados á difusión da imaxe da provincia baixan de 1.924.624,26€ en 2023 a 1.915.986,36€ para 2024. Antonio Ameijide advirte que estas decisións orzamentarias afectarán negativamente aos concellos e ao desenvolvemento integral da provincia, cuestionando a xustificación detrás da redución das achegas locais nun contexto de aumento global do orzamento.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Os deputados do PP manteñen unha xuntanza de traballo en Sober

Seguinte Nova

TEATRO INFANTIL E FAMILIAR EN MONFORTE

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: