Alfonso Rueda, proclamado candidato á presidencia da Xunta nunhas eleccións máis abertas que nunca

Alfonso Rueda: “Preséntome para gañar e para gobernar, debéndome só aos galegos e co obxectivo de que Galicia non pare”. Foto GPPP

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, asume a responsabilidade de liderar a candidatura do seu partido ás eleccións autonómicas do 18 de febreiro con convencemento e firmeza pero tamén con humildade, e co obxectivo de seguir gobernando para que Galicia non pare: “Quero gañar obtendo a confianza maioritaria da xente na miña palabra e tendo feitos cos que merecela, debéndome só aos galegos e ás galegas”.. Fixo este anuncio nun acto celebrado a pasada semana en Santiago, no hotel monumento San Francisco, situado nun antigo mosteiro preto da praza do Obradoiro. Chamando aos seus a non caer no conformismo e a non dar nada por gañado, o presidente quixo agradecer o seu apoio a todos os que o acompañaron ao longo deste camiño e presentouse ante eles non só como candidato á Presidencia, senón como “militante de base e como persoa que cre que a política do PPdeG é a máis útil para mellorar as cousas”.
Reivindicou neste sentido ao PPdeG como o primeiro partido de Galicia e o que máis se parece aos galegos e galegas, recoñecendo a responsabilidade que supón lideralo na medida en que “ser o primeiro partido de Galicia implica estar á altura dos desafíos e dos retos de Galicia”.
Do mesmo xeito que recoñeceu aspirar a estar altura tamén dos que o precederon como presidentes da Xunta. Destacando acto seguido “o autonomismo pioneiro” de Xerardo Fernández Albor, o “orgullo de ser” que Manuel Fraga devolveu aos galegos e a “capacidade de xestión” de Alberto Núñez Feijóo.
UNHA CAMPAÑA CENTRADA EN GALICIA E QUE FALA DE GALICIA
Tal e como xa comprometera o día que convocou as eleccións, Alfonso Rueda apostou por unha campaña “afastada da descualificación, da tensión, da crispación, de levantar muros e de falar mal de Galicia”. Promete, pola contra, facer unha campaña “centrada en Galicia e que fala de Galicia”, xa que iso é o que os galegos “demandan e necesitan”.
“Quero gañar para que Galicia sendo o que é: unha terra traballadora, aberta, fiable e leal”, afirmou ao tempo que amosaba a súa aposta por unha Galicia “que tenda pontes e non levante muros, que se relacione co resto de España en igualdade e sen egoísmo, na que prime o entendemento fronte ao conflito, na que todos teñamos sitio”. Unha Galicia “que se queira a si mesma, coas portas abertas ao positivo, que prefire resolver problemas en vez de enredar, que non ten por que ter envexa de ninguén e que xere confianza para a construción do futuro”.
E, nesta liña, concluíu categórico: “Quero unha Galicia que non sexa unha do independentismo, nin un trofeo para Pedro Sánchez, nin unha multipropiedade a repartir entre partidos. Galicia é dos galegos de hoxe e quero que sexa tamén dos galegos libres do mañá”.
A aposta do presidente Rueda é, polo tanto, a dunha comunidade que siga sendo o que é: a comunidade na que menos medrou a débeda, a única na que a educación infantil é gratuíta, a que ten o calendario de vacinación máis completo do mundo, a que conxela as súas peaxes, a que fomenta a actividade deportiva, a que coida aos seus dependentes, a que ofrece estabilidade aos seus investigadores, a que acolle cos brazos abertos aos retornados, a que aposta polas enerxías renovables, a que amplía o seu parque de vivenda pública, a que ten as universidades máis baratas e a FP máis potenciada, a que bate récords de turismo, a que aposta polo rural e o sector primario, a que apoia aos autónomos e ás vítimas de violencia de xénero e a que ten unha das mellores sanidades públicas de toda España.
“CADA VEZ SOMOS MÁIS OS GALEGOS QUE QUEREMOS QUE GALICIA GAÑE O PRÓXIMO 18 DE FEBREIRO”
Ao acto asistiron 1.500 persoas e nel tamén interviñeron, un en representación de cada provincia, o presidente local do PP de Santiago de Compostela, Borja Verea; a presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira; a alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa; e o alcalde da Estrada, José López Campos.
Logo das súas intervencións, o presidente Rueda incidiu en que na política “non todo vale” e que “non todo xustifica unha vitoria”. E en clave nacional explicou que o que o PPdeG terá en fronte nestas eleccións será “un señor na Moncloa que só vén a Galicia en Falcon a facer promesas que nunca cumpre”, así como a todos aqueles que dicían que nunca aprobarían unha lei de amnistía nin condonarían a débeda a Cataluña “a costa de 400 euros de cada galego”.
A continuación relatou algúns dos incumprimentos do Goberno central con Galicia como son a negativa a crear cinco xulgados específicos de violencia de xénero, a histórica subida das peaxes das autoestradas estatais ou mala xestión dos fondos Next Generation. Todas elas “demandas históricas de Galicia que non se cumpriron” e que se converterán novamente en promesas.
“Promesas que van acabar na cesta do lixo na que os que cambian de opinión e ceden a uns a costa de hipotecar a outros converteron a política”, engadiu o líder do PPdeG, comprometéndose a “seguir defendendo a política da confianza e os políticos confiables” que defenden el e o seu partido.
“Aos que viven do barullo e da demagoxia, demostrémoslles que nós somos os máis galegos porque somos xente comprometida no que cremos: o sentidiño, a verdade, as certezas, a confianza e a estabilidade. Porque somos cada vez máis galegos os que queremos que o próximo 18 de febreiro gañe Galicia”, rematou a súa intervención.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O BNG e os socialistas galegos: unha alternativa ao goberno do PP

Seguinte Nova

Javier Arias tamén visitoua empresa Oviganic Ibérica

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

A %d blogueros les gusta esto: