Os días 10, 11 e 12 de maio, o Concello de Taboada acollerá a segunda edición de RaizameS, un evento único que pon en valor a rica cultura do viño da Ribeira Sacra. RaizameS destaca por ofrecer un formato innovador e diferenciador dentro do mundo do viño. Neste encontro, o énfase recae na componente humana como verdadeiro patrimonio, nunha homenaxe aos heroes invisibles da Ribeira Sacra, aqueles homes e mulleres que, co seu traballo e sabedoría, mantenen viva esta terra.
A programación de RaizameS inclúe charlas, paneis de experiencias con voces expertas, percorridos culturais polas parroquias ribeiranas, exposicións fotográficas, catas guiadas, degustacións de viños, intervencións artísticas e música, entre outras sorpresas. Este encontro ofrece un cruce de miradas artísticas, lúdicas, formativas e etnográficas, onde a música, a danza, a poesía e a narración oral se entrelazan coas actividades relacionadas co viño.
Dirixido a todo tipo de público, RaizameS converterá Taboada nun punto de confluencia entre habitantes locais e visitantes, profesionais do sector vitivinícola e aficionados, mozos e vellos, produtores e consumidores. O corazón do evento será a Praza de Riazón, que se transformará no Espazo Atmosfera Viño. Este encontro multidisciplinar ten como obxectivo fomentar a interacción, a participación activa e o intercambio entre os asistentes e os sabios locais, ofrecendo unha experiencia enriquecedora que celebra a cultura, o territorio, a sabedoría local, as artes e o coñecemento da Ribeira Sacra.•