•O vicepresidente explicou que a Área de Benestar incrementa esta partida en 25.000 euros •Veiga insta á Xunta a aportar cartos para este servizo na provincia de Lugo, «e poder atender a un maior número de persoas»
• A Deputación de Lugo aprobou a mediados de marzo a contía das axudas destinadas ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) básico para os concellos con menos de 20.000 habitantes. Esta contía será de 700.000 euros para 2015, o que supón un incremento de 25.000 euros respecto ao ano pasado.
CRÍTICAS Á XUNTA
Según precisou o vicepresidente da Deputación e responsable da Área de Benestar Social, o nacionalista Antonio Veiga, «mentres a Xunta recorta en Servizos Sociais, nós aumentamos os fondos destinados a atender ás persoas máis vulnerables».
Veiga lamentou que «a Xunta se siga desentendéndose deste servizo, xa que volvemos ser concellos, usuarios e Deputación os que o cofinanciamos, cando de todos é sabido que a Xunta ten que poñer cartos para este servizo». O nacionalista fixo referencia á última sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que establece que tanto a Xunta como as Deputacións teñen que colaborar, marcando cal é a porcentaxe que deben aportar. «A Xunta non pode eludir a súa responsabilidade, algo que leva facendo desde o ano 2012», criticou Veiga.
IMPORTANCIA DO SAF POLAS PRESTACIÓNS QUE OFRECE E OS EMPREGOS QUE XERA
O mandatario provincial destacou que «a Xunta lle está adebedando cartos aos concellos, e está provocando que ese servizo sexa máis caro para os máis de 2.400 usuarios». Veiga insistiu na importancia de manter este servizo, «non só polas atencións que presta, senón tamén pola cantidade de empregos directos, principalmente femininos, que xera», e que se estiman en preto de 3.000 postos de traballo.•