•Os novos contratados incorporaranse aos seus postos a partir de maio
A Deputación de Lugo vén de resolver, a mediados de abril, 39 postos de traballo do programa Tecendo Emprego. Esta iniciativa busca potenciar o emprego, ao tempo que dá pulo á actividade das asociacións e colectivos da provincia. Estes novos traballadores incorporaranse “de xeito inmediato” aos seus postos. Desta volta, quedaron sen cubrir 17 perfís laborais, aos que aínda se pode optar ata o 6 de maio.
NOVA CONVOCATORIA PARA OPTAR AOS POSTOS VACANTES
Segundo informou a deputada de Promoción Económica, Sonsoles López Izquierdo, trala Xunta de Goberno do 17 de abril na que se aprobaron os novos postos, as persoas que desexen optar ás vacantes deberán rexistrarse no portal da Axencia de Colocación da Deputación de Lugo como demandantes de emprego. Así mesmo, han de incorporar a documentación que se lles solicite, e facer a inscrición no perfil profesional, un ou varios, que máis lles interese.
POSTOS SEN CUBRIR
Na listaxe de vacantes, hai 12 postos para menores de 35 anos sen experiencia laboral, outros dous para a liña destinada a traballadores entre 30 e 50 anos que xa teñan traballado, e outros tres postos reservados para maiores de 50 anos. As características dos diferentes perfís profesionais que están dispoñibles poden consultarse no portal web do programa Tecendo Emprego: http://deputacionlugo.gal/es/temas/emprego/tecendo_emprego.•